Páxinas

luns, 27 de outubro de 2014

 
IN MEMORIAM

A xornalista viguesa da Radio Galega, Begoña Caamaño, faleceu hoxe en Santiago. Xunto ao seu labor profesional tamén destacou como novelista e como loitadora polos dereitos da muller, dos traballadores e dos máis desfavorecidos.
Como novelista publicou Circe o pracer do azul e Morgana en Esmelle; con esta última obra obtivo o recoñecemento da Asociación Española de Críticos Literarios en 2012.

mércores, 22 de outubro de 2014

PREMIO ARTENSION

O cadro Étude n.º 187 da artista galega Ana Pérez Ventura foi distinguido co premio Artension, outorgado onte en París por un xurado de críticos de arte, que elixiron este acrílico sobre lenzo entre máis de catrocentas obras internacionais presentadas ao certame.

martes, 21 de outubro de 2014

CÓMIC

 Botafumeiro é unha revista dixital de humor en galego con periodicidade mensual. Recolle textos e banda deseñada. Nela participan moitos dos autores que coñecemos: Manel Cráneo, Alberto Guitián, Roque Romero, Bernal Prieto, Xiomara Correa, Diana López, Kaz, Tayone, Martín Romero, Brais Rodríguez… e Jano con páxinas de Nacho Camacho, viñetas de A Ollada do Chosco e novos personaxes e series.

luns, 20 de outubro de 2014


CRÓNICA DE FÚTBOL

Mugardos 4-1 CD Cariño
O comezo do partido foi de dominio local, conseguiron adiantarse no minuto cinco, pero os visitantes non baixaron a  cabeza e seguiron loitando, aínda que sería no minuto 19 cando o conxunto local volvería a marcar.
Tras uns minutos nos que non se viu moito xogo e houbo algunhas xogadas con polémica chegaría o 3-0 tras unha xogada pola banda que marcaría o propio xogador ao decatarse da mala colocación do porteiro.
O Cariño reaccionaría tras isto e Cristian puxo o 3-1 no marcador, aínda que a alegría durou pouco, xa que o Mugardos marcou dous minutos despois o definitivo 4-1.
A segunda parte tivo outra cor, con máis ataques visitantes que locais e un penalti non pitado a favor dos locais, algo que conduciría ao descontento co árbitro, quen tivo máis erros que acertos ao longo do partido.
Con este resultado o Cariño ocupa a sexta posición con 9 puntos e o Mugardos a quinta con 12.
A próxima semana o Cariño recibe ao Portuarios que ocupa a terceira praza.

xoves, 9 de outubro de 2014

PATRICK MODIANO PREMIO NOBEL DE LITERATURA



O novelista francés Patrick Modiano (Boulogne-Billancourt, 1945), autor de obras perfectas como Dora Bruder ou El café de la juventud perdida, recibiu o premio Nobel de Literatura. As súas grandes novelas representan un relato único e valente dos peores momentos de Francia no século XX: o réxime neonazi de Vichy e a ocupación do país polos alemáns durante a II Guerra Mundial.
A Academia sueca dixo que concedeu o premio a Modiano “pola súa arte da memoria coa que evocou os destinos humanos máis difíciles de retratar e desvelou o mundo da Ocupación”. 

mércores, 8 de outubro de 2014

PREMIO NOBEL DE QUÍMICA PARA OS CREADORES DO NANOSCOPIO


Os estadounidenses Eric Betzig e William Moerner e o científico alemán Stefan Hell gañaron o Nobel de Química polo desenvolvemento de novos métodos para que os microscopios poidan ver detalles máis pequenos dos que podían percibir no pasado.

Os tres científicos foron premiados por "o desenvolvemento da microscopía de fluorescencia de súper resolución", que segundo explicou a Real Academia Sueca de Ciencias, superou a capacidade máxima de resolución dos microscopios ópticos tradicionais.