Páxinas

venres, 28 de febreiro de 2014

PRIMEIRA TESE SOBRE DÍAZ CASTRO
 “A poesía en galego de Xosé María Díaz Castro: Estudo e edición crítica” é a pimeira tese que se presenta dedicada ao poeta Díaz Castro e trátase dunha ampla investigación tanto da súa traxectoria biográfica como literaria, ademáis da edición crítica da súa poesía en galego; o seu autor, Armando Requeixo afirma: "Díaz Castro é unha voz singular e irrepetíbel na nosa historia literaria"


ROSCAS DE ENTROIDO



O blog bolboretas no bandullo tráenos unhas receitas moi apetitosas e axeitadas para a época do ano. Que vos preste!

xoves, 27 de febreiro de 2014

ODA Á FILLOA
Ves das mans das avoas das nosas avoas,
moi ilustre señora, filloa, vella amiga, 
fino corpo lixeiro, leite e fariña triga,
para ti a nosa festa, para ti as nosas loas.

Se con mel ou con zucre, toda amor, te nos doas,
 é xusto que adozada a nosa língua diga 
por mellor festexarte tamén unha cantiga
en Muimenta onde hoxe raíña te coroas.

Aquí está a túa casa, que o pobo ten memoria
e sábeche as fazañas, os días de contento
que regalache ós pobres todo ó longo da historia.

O antigo e o novo, xuntos nun mesmo alento; 
traerán a esta vila un futuro de gloria,
¡que árbore con raíces non a derriba o vento!

Marica Campo

mércores, 26 de febreiro de 2014

FALECEU PACO DE LUCÍA


O guitarrista de flamenco Paco de Lucía faleceu esta madrugada aos 66 anos. Nacido en Alxeciras (Cádiz) o 21 de decembro de 1947, De Lucía é considerado como un dos grandes mestres da guitarra flamenca español.
DESCUBERTA DUN DOLMEN

O arqueólogo Iván Álvarez Merayo localizou no municipio do Saviñao unha estrutura megalítica da que ata agora non había ningunha referencia. Trátase dun dolmen situado nun bosque de carballos coñecido como Leira da Rapada, na parroquia de San Xoán de Vilatán

martes, 25 de febreiro de 2014

luns, 24 de febreiro de 2014

O EPISTOLARIO DIXITAL DE ROSALÍA DE CASTRO

O Consello da Cultura galega presentou esta mañá o Epistolario dixital de Rosalía de Castro, unha colección de dezaseis cartas enviadas pola poeta e que suponen a primeira edición conxunta destes textos.
“A XUSTIZA POLA MAN"
"A xusticia pola man".
Aqués que tén fama d' honrados na vila
roubáronme tanta brancura qu' eu tiña;
botáronme estrume nas galas dun día,
a roupa de cote puñéronma en tiras.
Nin pedra deixaron en dond' eu vivira;
sin lar, sin abrigo, morei nas curtiñas;
ó raso cas lebres dormín nas campías;
meus fillos... ¡meus anxos!... que tant' eu quería,
¡morreron, morreron ca fame que tiñan!
Quedei deshonrada, mucháronm' a vida,
fixéronm' un leito de toxos e silvas;
i en tanto, os raposos de sangre maldita,
tranquilos nun leito de rosas dormían.

―Salvádeme ¡ouh, xueces!, berrei... ¡Tolería!
De min se mofaron, vendeum' a xusticia.
―Bon Dios, axudaime, berrei, berrei inda...
tan alto qu' estaba, bon Dios non m' oíra.
Estonces, cal loba doente ou ferida,
dun salto con rabia pillei a fouciña,
rondei paseniño... (ne' as herbas sentían)
i a lúa escondíase, i a fera dormía
cos seus compañeiros en cama mullida.

Mireinos con calma, i as mans estendidas,
dun golpe ¡dun soio! deixeinos sin vida.
I ó lado, contenta, senteime das vítimas,
tranquila, esperando pola alba do día.

I estonces... estonces cumpreuse a xusticia:
eu, neles; i as leises, na man qu' os ferira.

Rosalía de Castro (1993). Follas Novas. (Vigo: Galaxia)

ANIVERSARIO






venres, 21 de febreiro de 2014

DÍA DA LINGUA MATERNA
 

Hoxe 21 de febreiro celébrase o Día da Lingua Materna, proclamado pola Unesco e que se celebra desde o ano 2000. Este día persegue resaltar a importancia de usarmos e transmitírmoslles ás novas xeracións os idiomas autóctonos de cada lugar. Este 2014 a UNESCO proponse chamar a atención sobre o papel das linguas vernáculas no acceso ao saber e na produción de coñecemento científico.

CHOVE



xoves, 20 de febreiro de 2014

I FESTIVAL INTERNACIONAL DE CINE CARLOS VELO

Os vindeiros 20 e 21 de xuño de 2014 Cartelle e Celanova (Ourense) van acoller a I Edición do FestivalInternacional de Cine Carlos Velo, un espazo para adivulgación e exhibición de curtametraxes documentais e de ficción, cunha temática relacionada co medio rural e coa recuperación da memoria material e inmaterial dos pobos do mundo.

mércores, 19 de febreiro de 2014

CENTENARIO DE DÍAZ CASTRO



Hoxe celébrase o centenario do nacemento do poeta Xosé María Díaz Castro; o IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz realizou un documental que nos achega a figura deste poeta, a quen este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas.

xoves, 13 de febreiro de 2014

mércores, 12 de febreiro de 2014

“EXPLÍCOCHE MATEMÁTICAS 2.0”
‘Explícoche Matemáticas 2.0’ é un concurso dirixido ao alumnado do Sistema Universitario de Galicia e a estudantes de 3º e 4º de ESO e 1º e 2º de Bacharelato dos centros de educación secundaria de Galicia que promove a Facultade de Matemáticas da USC e a súa Comisión de Normalización Lingüística.
Cada participante, individual ou en grupo, deberán presentar un vídeo de 2 minutos de duración. A temática e enfoque pode ser máis formal (definición dun concepto, un teorema, idea intuitiva e/ou aplicación) ou pode recoller manifestacións diversas da matemática na vida cotiá, de carácter cultural, artístico ou social. É condición indispensable que a lingua empregada sexa a galega. As persoas que participen poderán utilizar calquera recurso multimedia, audiovisual ou artístico para a realización da curtametraxe.
As bases da convocatoria pódense consultar na web da Facultade de Matemáticas. Os proxectos realizados poden remitirse ata o 31 de marzo.



martes, 11 de febreiro de 2014

HOLLYWOOD PREMIA OS CORTOS DE VIGO

Os vídeos Breaking the Rules e Ecoloxía e evolución de polimorfismos florais, integrados no proxecto de difusión científica “Divulgare” da Universidade de Vigo, acaban de recibir cadanseu recoñecemento no festival virtual internacional Hollywood Shorts Reel 14.

luns, 10 de febreiro de 2014


A AELG HOMENAXEA O TEATRO GALEGO

A Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega quere recoñecer o esforzo e o compromiso da xente do espectáculo. Desta maneira, a AELG premiará, en distintas categorías, a representantes de todas os ámbitos da escena galega; como á compañía Sarabela, dirixida por Ánxeles Cuña Bóveda que recibirá o premio como agrupación profesional; mentres Achádego de Lugo  será recoñecida polo seu traballo no teatro amador. 

xoves, 6 de febreiro de 2014

CERTAME “LINGUA DE NAMORAR”
As consellerías de Cultura, Educación, e Ordenación Universitaria e de Traballo e Benestar, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, veñen de convocar a nova edición do certame Lingua de namorar que busca fomentar o uso do galego entre os mozos e mozas, especialmente en momentos de lecer.
O obxectivo deste concurso é dinamizar o uso da lingua galega nas relacións persoais e nas tecnoloxías da información, nomeadamente en internet e a mensaxería instantánea.
Poderán participar no programa persoas que teñan unha idade comprendida entre os 14 e os 35 anos. Haberá dúas categorías: de 14 a 19; e de 20 a 35.
En canto ás mensaxes, deberán estar escritas en galego e poderán redactarse en prosa ou verso. A súa extensión máxima será de 350 carácteres, incluídos os espazos en brancos. Cada participante poderá enviar un máximo de dúas mensaxes ao concurso.
Para poder enviar as mensaxes, será preciso rexistrarse na web do concurso http://xuventude.xunta.es/linguadenamorar.html e cubrir o formulario de inscrición. Todas serán publicadas na páxina do concurso e estarán identificadas polo título e máis polo número que se lles asigne. A data límite para enviar as declaracións será o 23 de febreiro.

A partir do 24 de febreiro, e ata o 28, abrirase un período para votar (os usuarios que queiran votar deberán rexistrarse na web). Un xurado elixirá aos gañadores entre as 50 declaracións máis votadas en cada categoría. As mensaxes escollidas –que se farán públicas o 10 de marzo na páxina web- serán as únicas que se identifiquen co nome e apelidos dos autores e autoras.
Establécense tres premios por categoría. Para aqueles mozos e mozas de entre 14 e 19 anos, serán os seguintes: unha Playstation 4 500 XB para o primeiro; unha mesa de mesturas de DJ para o segundo; e un mp3 acuático. Pola súa banda, na segunda categoría (de 20 a 35 anos), os gañadores poderán conseguir: unha cámara Canon réflex dixital para o primeiro clasificado; un GPS de montañismo para o segundo; e un mp3 acuático para o terceiro. Nesta última categoría, todos os premios irán acompañados a maiores por unha actividade de aventura para dúas persoas.

mércores, 5 de febreiro de 2014

BERROGÜETTO DESPÍDESE

O grupo, un referente do noso folk a nivel internacional, Berrogüetto, disólvese. Así o anunciaron os seus compoñentes nunha mesaxe no Facebook da banda.  Agradecen o apoio de seguidores e amigos e  anuncian que en vindeiras datas farán unha xira de despedida polas principais vilas e cidades do país.

luns, 3 de febreiro de 2014

CALENDARIO PROFESIONAL DO LIBRO E DA LECTURA 2014

Este Calendario foi preparado pola Asociación de Escritores en Lingua Galega e pola Asociación Galega de Editores; deseñado por Fausto Deseño Asociados.