Páxinas

venres, 31 de xaneiro de 2014

xoves, 30 de xaneiro de 2014

DÍA DA ILUSTRACIÓN EN GALICIA

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria incluíu por primeira vez, no calendario da lectura de 2014, a celebración do Día da Ilustración en Galicia, coincidindo coa data de nacemento de Castelao, e celebrando así unha das facetas desta importante figura da historia e da cultura galega. E a estrea é de luxo pois vén acompañada dun cartel deseñado por Miguelanxo Prado, un dos máximos representantes do mundo da ilustración galega.

DÍA DA PAZ

mércores, 29 de xaneiro de 2014

A LUZ DO NEGRO. O VOLFRAMIO DA BREA E O POBOADO DO FONTAO

    

O documental A luz do negro. O volframio da Brea e o poboado do Fontao diríxeo Encarna Otero, e mostra a actividade naquela zona de Vila de Cruces, que viviu unha febre mineira no tempo da Segunda Guerra Mundial, e outras realidades como a presenza de presos vítimas da represión franquista, grupos de guerrilla clandestinos e, sobre todo, un importante protagonismo das mulleres. 

martes, 28 de xaneiro de 2014

MORRE PETE SEEGER

Pete Seeger, falecido aos 94 anos na localidade de Beacon, no Estado de Nova York, foi a gran conciencia de Estados Unidos a través de centenares de cancións, que documentaban as inxustizas, as loitas e os soños da sociedade civil norteamericana no século XX.
O  XIX PREMIO LITERARIO SAN CLEMENTE




Pedro Feijoo, Arturo Pérez-Reverte e Petros Márkaris son os autores gañadores da XIX edición do Premio Literario Arcebispo Juan de San Clemente nas súas modalidades de lingua galega, lingua castelá e lingua estranxeira, respectivamente.
As obras gañadoras son Os fillos do mar, de Pedro Feijoo; El tango de la guardia vieja, de Pérez-Reverte, e Liquidación final, de Petros Márkaris.
O fallo do xurado foi dado a coñecer onte no instituto Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, organizador deste certame literario.

luns, 27 de xaneiro de 2014

FALECE JOSÉ EMILIO PACHECO


O novelista e poeta mexicano José Emilio Pacheco morreu hoxe aos 74 anos de idade; aparte do Premio Cervantes (2009), o escritor recibira o Premio Nacional de Xornalismo por Divulgación Cultural (1980), o Premio Iberoamericano de Letras José Donoso (2001), o Premio Internacional Octavio Paz de Poesía e Ensaio (2003) e o Premio Reina Sofía de Poesía Iberoamericana (2009), entre outros galardóns.
Pacheco escribiu as novelas Morirás lejos (1967), El principio del placer (1972) e Las batallas en el desierto (1981), así como algúns libros de poesía Miro la tierra (1987), Siglo pasado (2000) e Como la lluvia (2009), entre outras obras.
SETE CAVEIRAS

   

sábado, 25 de xaneiro de 2014

FALECE ÁLVARO GUEVARA
Faleceu Álvaro Guevara, actor, director, dramaturgo e fundador da compañía coruñesa Teatro del Andamio e da escola homónima. Títulos como Doente, O ano da carracha, Mia Sarah ou Libro de familia fan parte da súa produción audiovisual. 

xoves, 23 de xaneiro de 2014

AS MELLORES PELÍCULAS DO 2013


A cuarta parede fai unha lista dos vinte títulos máis valorados da tempada cinematográfica 2013 polos colaboradores da revista.

mércores, 22 de xaneiro de 2014

ACHADA UNHA COMEDIA DE LOPE DE VEGA

Aparece unha xoia do Século de Ouro: unha copia manuscrita dunha obra inédita do escritor madrileño Felix Lope de Vega, Mulleres e criados, que os catálogos literarios daban por perdida; foi atopada na Biblioteca Nacional de España polo profesor da Universidade de Syracuse, Alejandro  García Reidy.

martes, 21 de xaneiro de 2014

DURÁN MEDRAÑO GAÑA O PREMIO RAMÓN PIÑEIRO DE ENSAIO

 A obra Da natureza de escritores, artistas e vermes. Ensaio sobre o pracer do traballo nun diálogo con Karl Marx, da que é autor José María Durán Medraño, resultou gañadora do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2013, que organizan conxuntamente a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e Editorial Galaxia coa colaboración de Unión Fenosa.

O xurado valorou moi especialmente a orixinalidade do tema e do seu enfoque, que afronta un asunto de actualidade e abre unha reflexión nova sobre a concepción do traballo na sociedade contemporánea.
OS MELLORES LIBROS DO 2013

Os lectores e lectoras da web cultural Fervenzas Literarias escolleron as obras, autoras e iniciativas vencelladas á literatura galega máis destacadas do pasado ano. Cadeas (Xabier López), Sobre Ruínas (Xesús Rábade Paredes),Feminismos (Olga Castro e María Reimóndez), Isóbaras (Gustavo Pernas), Operario (Jano) foron seleccionados como os mellores libros de 2013 de narrativa, poesía, ensaio, teatro e banda deseñada, respectivamente. 
        

xoves, 16 de xaneiro de 2014

CATRO MANUSCRITOS INÉDITOS DE ROSALÍA

A Real Academia Galega presentou hoxe na súa sede novos textos manuscritos inéditos de Rosalía de Castro: un poema en galego da súa primeira etapa poética, así como varias pezas manuscritas en castelán. Alonso Montero, presidente da RAG, explicou que "é un día grande non só para a Academia senón para o 'rosalianismo' universal" e expresou o seu desexo de que pronto aparezan máis documentos, pois ten noticias de que unha familia compostelá posúe un libro perdido da mesma autora.

mércores, 15 de xaneiro de 2014

FALECE JUAN GELMAN, O POETA “ORFO DE FILLO”
 Con 83 anos e na súa casa de Cidade de México, faleceu onte Juan Gelman, o gran poeta da literatura arxentina que alzou a súa voz contra a ditadura que o converteu no que el chamaba “orfo de fillo”.  En 2010 fora homenaxeado na Galiza ao ser recoñecido pola AELG como Escritor Galego Universal. 
Autor de obras como Violín y otras cuestiones, El juego en que andamos, Gotán, Sefiní, Valer la pena, Oficio Ardiente ou Miradas ​nunha conta ampla de libros que pecharía Hoy, Gelman fíxose cos máis relevantes premios literarios para autores en español, entre eles, o Cervantes, o Juan Rulfo ou o Reina Sofía de Poesía Latinoamericana. 

luns, 13 de xaneiro de 2014

ENTRÁNSITO

O proxecto EnTránsito nace desde Galicia coa intención de levar a espazos de toda a Península as máis variadas propostas artísticas; unha plataforma que ofrece levar a cultura a domicilio (a unha vivenda, a un lugar de traballo), achegando "a arte á vida cotidiá das persoas a través de intervención artísticas". É unha iniciativa da xestora cultural Natalia Balseiro, da artista Mercedes Peón e do tecnólogo Fernando Jiménez, na que xa colaboran 14 artistas ou agrupacións.

Trátase, en definitiva, de achegar a arte ao lugar no que está o público, e de significar a través destas intervencións un determinado evento persoal, familiar ou profesional. Con estas propostas, que ademais necesariamente son distintas cada vez que se executan (adaptadas ao contexto), ráchase a homoxeneidade da oferta cultural e dos espazos de cultura. 

xoves, 9 de xaneiro de 2014

FALECE O EDITOR E ESCRITOR JOSEP MARIA CASTELLET
O editor e escritor Josep Maria Castellet (Barcelona, 1926) faleceu hoxe en Barcelona aos 87 anos. Premio Nacional das Letras no ano 2010 e Premio Nacional da Cultura en 2011, Castellet foi unha figura literaria decisiva na vida cultural catalá e española da segunda metade do século XX e testemuña de excepción da súa evolución. Cando se lle concedeu o Premio Nacional das Letras, o que se estaba premiando en realidade non era a un autor, senón a un home capaz de converterse en bisagra entre a cultura catalá e as do resto de España, como destacou o xurado.

mércores, 8 de xaneiro de 2014

 FERROL ESTARÁ PRESENTE NOS GOYA CO “O XIGANTE”



Por cuarta vez a produtora ferrolá Chelo Loureiro opta a un Goya por un traballo de animación, 'O Xigante', de Abano Produccións. Trátase dunha road movie na que, en dez minutos, o espectador acode a unha metáfora sobre o crecemento e a preparación para a vida que o noso pai Xigante lle mostra á súa filla a través da ventá do corazón.

martes, 7 de xaneiro de 2014

CARMEN AMORAGA GAÑA O PREMIO NADAL

A escritora valenciana Carmen Amoraga gañou onte a 70 edición do premio Nadal coa súa novela A vida era iso, unha obra que ten como protagonista a unha muller que enviuva e refúxiase nun mundo virtual.