Páxinas

martes, 16 de decembro de 2014

mércores, 10 de decembro de 2014

DÍA DOS DEREITOS HUMANOS


O 10 de decembro de 1948, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas aprobou e proclamou a Declaración Universal de Dereitos Humanos.


mércores, 3 de decembro de 2014

luns, 1 de decembro de 2014

A LINGUA COMO HERDANZA


Dos versos de Manuel María xorde Herdo Novo, unha campaña de microfinanciamento impulsada por Radiofusión Irmandade TV co obxectivo de consolidar economicamente estas dúas alternativas de radio e televisión en galego.
O funcionamento da campaña é moi sinxelo e emprega unha ferramenta de micromecenado Teaming. Todas as persoas que se inscriban comprométense a achegar 1 euros todos os meses, de forma ininterrunpida. O obxectiva é chegar ás dúas mil doazóns dun euro (2.000 euros mensuais) antes do 31 de decembro.
Para colaborar coa campaña pódese facer na seguinte ligazón https://www.teaming.net/herdonovo

mércores, 26 de novembro de 2014

PREMIO NACIONAL DE TEATRO

Chévere foi galardoado co 'Premio Nacional de Teatro' 2014 concedido polo Ministerio de Educación español. O xurado salientou a "coherente traxectoria de creación colectiva baseada en fontes de teatro documento e na transgresión de xéneros". 
Así mesmo, destacan a conexión das súas obras coa "realidade social e económica" galega e mesmo internacional, como reflicten Citizen, Eurozone ou Ultranoite no País dos Ananos. Neste senso, o xurado subliña "o achegamento" que desenvolveu Chévere "do teatro a distintos colectivos sociais e ao ámbito pedagóxico" pulando pola "participación cidadá". 

martes, 25 de novembro de 2014

DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

"A Escola non é un espazo neutral. Nela transmítense valores, modelos e esteriotipos, e convértese nun lugar ideal onde sementar a erradicación das desigualdades. De aí xorde a necesidade deste material didáctico, que pretende ser unha ferramenta para coeducar”.
 



venres, 21 de novembro de 2014

PREMIOS DO CONCURSO DE DESEÑO

Os tres gañadores foron: Federico, Nerea e Verónica.
 
O primeiro premio gañouno Federico Valentín Pérez Freire de 4º ESO
 
O segundo premio gañouno Nerea Vale Santiago de 3º ESO

O terceiro premio gañouno Verónica Sebastianelli Díaz  de 1º ESO
 
 
Noraboa aos tres!
 

xoves, 20 de novembro de 2014






DÍA UNIVERSAL DO NENO
                   

Cada 20 de novembro desde hai 25 anos, celébrase o Día Universal do Neno, unha xornada que recorda os avances logrados no que respecta aos dereitos dos máis pequenos e que, ao mesmo tempo, chama a atención sobre a situación actual dos máis desfavorecidos.
A Convención sobre os Dereitos do Neno foi aprobada pola Asemblea Xeral de Nacións Unidas o 20 de novembro de 1989 e entrou en vigor un ano máis tarde, o 2 de setembro de 1990. O tratado, que recolle de forma oficial os dereitos da infancia, está composto por 54 artigos que, ademais, repasan as obrigacións de pais, profesores, profesionais da saúde e incluso dos propios nenos e nenas. O texto foi ratificado por 194 países que deben render contas ante un comité sobre os dereitos dos nenos.


luns, 17 de novembro de 2014

CONCURSO DE DESEÑO


Estes son os deseños finalistas no concurso de camisetas e paraugas; quen gañará?
OVACIÓN PARA A ESMORGA NA SÚA ESTREA

A estrea oficial de A Esmorga, a película dirixida por Ignacio Vilar segundo a novela de Eduardo Blanco Amor, tivo lugar onte na gala inaugural do Festival Internacional de Ourense, na cidade na que está ambientada a narración, onde unha sala chea de público despediu cunha grande ovación o filme.

A adaptación cinematográfica da novela de Blanco Amor estrearase comercialmente o próximo 21 de novembro nas salas de toda Galiza.

domingo, 9 de novembro de 2014

CRÓNICA DE FÚTBOL
C.D.Cariño 0-7 S.D.O Val
Partido complicado para os de Ortegal, que conseguiron aguantar con empate ata a metade da primeira parte, tempo no que o conxunto valexo rompe o empate e se adianta no marcador.
Tras isto o Cariño intentou sobrepoñerse ao golpe, algo que non conseguirían, debido a que os visitantes meteron tres goles máis antes de rematar esta parte.
Á volta dos vestiarios o partido seguiu igual, e os visitantes conseguiron ao longo da segunda parte os tres goles restantes.
Esta foi a última xornada da fase previa, na que o Cariño remata na sexta posición con 12 puntos e o que lle dá acceso ao grupo 2.


mércores, 5 de novembro de 2014

PREMIO NACIONAL DE TRADUCIÓN

A tradución ao galego do clásiso de James JoyceUlises, recibiu o Premio Nacional de Traducción que concede o Ministerio de Cultura. O traballo foi obra de María Alonso Seisdedos, Eva Almazán, Xavier Queipo e Antón Vialle.

martes, 4 de novembro de 2014

V DÍA DA CIENCIA EN GALEGO

A xornada, que se celebra hoxe, homenaxea nesta ocasión a Isaac Newton e mais o matemático galego Xosé Rodríguez, e está dedicada ao dereito a gozar da física en galego.
Con motivo desta celebración o mércores 5 de novembro, a Coordinadora Galega de ENDL convida a todos os centros educativos non universitarios a participar en dúas videoconferencias vía web, na que destacados investigadores galegos da Universidade de Santiago de Compostela achegarán temáticas de interese curricular para o noso alumnado e os proxectos científicos que desenvolven na actualidade. Ademais de seguir a videoconferencia, os centros escolares que desexen participar terán a posibilidade de interaccionar con eles vía chat.

luns, 3 de novembro de 2014


CRÓNICA DE FÚTBOL
Narón Balompé Piñeiro "B" 1-6 CD Cariño
O partido tivo un comezo moi intenso, co gol no minuto 5 de Raúl por parte do Cariño, alegría que duraría pouco, xa que no seguinte minuto o Narón empataría o partido.
Tras isto houbo unha primeira parte pouco interesante, na que se rompería o empate ao bordo do descanso grazas a un gol en propia porta tras unha xogada individual de Cristian Fustes.
Tras o intermedio sería o conxunto visitante o que atacaría ao facer cambios no estilo de xogo, cambiando a táctica e cambiando xogadores.
Despois de diversas xogadas con perigo, sería o Cariño o que golpearía por partida dobre nos minutos 47 e 48, sentenciando o partido.
Máis adiante o conxunto visitante obtería dous goles máis grazas a Borja e Martín, establecendo o 1-6.
Tras isto o Cariño rematará esta fase na sexta posición, tendo ata agora 12 puntos, e o Narón colócase na última plaza.
A próxima semana o Cariño recibe ao conxunto valexo, situado na cuarta posición.

luns, 27 de outubro de 2014

 
IN MEMORIAM

A xornalista viguesa da Radio Galega, Begoña Caamaño, faleceu hoxe en Santiago. Xunto ao seu labor profesional tamén destacou como novelista e como loitadora polos dereitos da muller, dos traballadores e dos máis desfavorecidos.
Como novelista publicou Circe o pracer do azul e Morgana en Esmelle; con esta última obra obtivo o recoñecemento da Asociación Española de Críticos Literarios en 2012.

mércores, 22 de outubro de 2014

PREMIO ARTENSION

O cadro Étude n.º 187 da artista galega Ana Pérez Ventura foi distinguido co premio Artension, outorgado onte en París por un xurado de críticos de arte, que elixiron este acrílico sobre lenzo entre máis de catrocentas obras internacionais presentadas ao certame.

martes, 21 de outubro de 2014

CÓMIC

 Botafumeiro é unha revista dixital de humor en galego con periodicidade mensual. Recolle textos e banda deseñada. Nela participan moitos dos autores que coñecemos: Manel Cráneo, Alberto Guitián, Roque Romero, Bernal Prieto, Xiomara Correa, Diana López, Kaz, Tayone, Martín Romero, Brais Rodríguez… e Jano con páxinas de Nacho Camacho, viñetas de A Ollada do Chosco e novos personaxes e series.

luns, 20 de outubro de 2014


CRÓNICA DE FÚTBOL

Mugardos 4-1 CD Cariño
O comezo do partido foi de dominio local, conseguiron adiantarse no minuto cinco, pero os visitantes non baixaron a  cabeza e seguiron loitando, aínda que sería no minuto 19 cando o conxunto local volvería a marcar.
Tras uns minutos nos que non se viu moito xogo e houbo algunhas xogadas con polémica chegaría o 3-0 tras unha xogada pola banda que marcaría o propio xogador ao decatarse da mala colocación do porteiro.
O Cariño reaccionaría tras isto e Cristian puxo o 3-1 no marcador, aínda que a alegría durou pouco, xa que o Mugardos marcou dous minutos despois o definitivo 4-1.
A segunda parte tivo outra cor, con máis ataques visitantes que locais e un penalti non pitado a favor dos locais, algo que conduciría ao descontento co árbitro, quen tivo máis erros que acertos ao longo do partido.
Con este resultado o Cariño ocupa a sexta posición con 9 puntos e o Mugardos a quinta con 12.
A próxima semana o Cariño recibe ao Portuarios que ocupa a terceira praza.

xoves, 9 de outubro de 2014

PATRICK MODIANO PREMIO NOBEL DE LITERATURA



O novelista francés Patrick Modiano (Boulogne-Billancourt, 1945), autor de obras perfectas como Dora Bruder ou El café de la juventud perdida, recibiu o premio Nobel de Literatura. As súas grandes novelas representan un relato único e valente dos peores momentos de Francia no século XX: o réxime neonazi de Vichy e a ocupación do país polos alemáns durante a II Guerra Mundial.
A Academia sueca dixo que concedeu o premio a Modiano “pola súa arte da memoria coa que evocou os destinos humanos máis difíciles de retratar e desvelou o mundo da Ocupación”. 

mércores, 8 de outubro de 2014

PREMIO NOBEL DE QUÍMICA PARA OS CREADORES DO NANOSCOPIO


Os estadounidenses Eric Betzig e William Moerner e o científico alemán Stefan Hell gañaron o Nobel de Química polo desenvolvemento de novos métodos para que os microscopios poidan ver detalles máis pequenos dos que podían percibir no pasado.

Os tres científicos foron premiados por "o desenvolvemento da microscopía de fluorescencia de súper resolución", que segundo explicou a Real Academia Sueca de Ciencias, superou a capacidade máxima de resolución dos microscopios ópticos tradicionais.


martes, 10 de xuño de 2014

OS MAIOS



O alumnado de 4º ESO fixo uns traballos documentados sobre a Festa dos Maios. Están elaborados en formato papel e en formato dixital; mostraremos os máis chamativos. Parabéns a todos!

domingo, 8 de xuño de 2014

OS PREMIOS XERAIS 2014

Dende o conflito é o título da novela de  María Reimóndez que o xurado escolleu para o Premio Xerais de Novela 2014. Con Escarlatina. A cociñeira defunta, Ledicia Costas fíxose co Merlín de literatura infantil e O Gran Reino valeulle a Eduardo Santiago o Jules Verne de literatura xuvenil. Os tres recibiron os premios no acto que se desenvolveu, como cada ano, na Illa de San Simón.

sábado, 7 de xuño de 2014

OS PREMIOS FREI MARTÍN SARMIENTO

A verdadeira historia da mosca da tele, de María Solar, e O neno can de Fina Casalderrey e Francisco Castro, foron dous dos libros triunfadores na gala celebrada este venres no Auditorio da Biblioteca da Cidade da Cultura, dos Premios Frei Martín Sarmiento 2014 que recoñecen, a xuízo dos alumnos e alumnas de Galicia, os mellores libros infantís e xuvenís publicados no último ano.

xoves, 5 de xuño de 2014

DÍA MUNDIAL DO MEDIO AMBIENTE 



Hoxe celebramos o día mundial do medio ambiente. Este ano o lema elexido para este día é «Alza a túa voz, non o nivel do mar»

mércores, 4 de xuño de 2014

JOHN BANVILLE, PREMIO PRÍNCIPE DE ASTURIAS DAS LETRAS 2014
O escritor irlandés John Banville foi galardoado hoxe en Oviedo co Premio Príncipe de Asturias das Letras 2014 ao que optaban vinte e catro candidaturas procedentes de catorce países. O xurado destacou a súa "intelixente, fonda e orixinal creación novelesca, e ao seu outro eu, Benjamin Black, autor de turbadoras e críticas novelas policiacas". Conclúe dicindo: "cada unha das súas creacións atrae e deleita pola mestría no desenvolvemento da trama e no dominio dos rexistros e matices expresivos, e pola súa reflexión sobre os segredos do corazón humano"

BO DÍA


martes, 3 de xuño de 2014

luns, 2 de xuño de 2014

OS DIPLOMÁTICOS DE MONTE ALTO



Os Diplomáticos de Monte Alto, celebran o XX aniversario do Bravú con este vídeo que amosa Vigo e A Coruña como unha única cidade.

mércores, 28 de maio de 2014

PREMIO PRÍNCIPE DE ASTURIAS DE INVESTIGACIÓN

O químico valenciano Avelino Corma e os estadounidenses Mark E. Davis e Galen D. Stucky foron galardoados hoxe co Premio Príncipe de Asturias de Investigación Científica e Técnica 2014 pola súa contribución ao campo dos materiais microposoros e mesoporosos.